Algunhas actuacións con porvir

OPINIÓN

10 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En xeral, os políticos que operan en Galicia non parecen moi conscientes da crecente importancia da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Nin de que todo está indicando un crecente poderío de Porto sobre as cidades galegas, e non só polo recoñecido empuxe do seu porto (Leixões) e do seu aeroporto.

O mundo que se está debuxando, e que xa hoxe nos condiciona, vai ser un mundo no que van ter presenza sobranceira grandes cidades, un pouco á maneira medieval. Ou moi errada é a miña visión ou non vexo que Galicia poida xogar o rol que Porto está xogando xa, desde o que se nos ten adiantado en sectores vitais, como é de todos coñecido. Nin tampouco que interese entrar a fondo nesa cuestión, nin que se valore a transcendencia que poida ter.

Non debe xerar conflito ningún coa autonomía. Todo o contrario: unha autonomía ben asentada sempre encaixará mellor nunha eurorrexión forte. E, no caso galego, axudaría a conseguir unha actividade autonómica máis dinámica, mellor cohesión do país e máis fácil relación con Europa.

O intercambio fronteirizo, ademais, e á marxe do anterior, está vivíndose xa como unha realidade frutífera. Algúns concellos miñotos están demostrándoo cada día. Un exemplo a seguir polos diversos municipios fronteirizos e un motivo de actuación política que pouca atención, ou ningunha, ten merecido. Non é unha cuestión menor da Galicia real, ás veces tan afastada da óptica dos políticos.

Alguén falou algunha vez neste país das súas infinitas posibilidades para proxectos de agroalimentación, de tanta vitalidade en países menos idóneos? Son proxectos que se poden e deben discutir, pero non esquecer. Non temos sido moi hábiles no tratamento desas e outras posibilidades. Estaremos aínda a tempo de aproveitalas?